Laura Parrula
Laura Parrula pertence á dinastía Parrula de Ogrove. Xa o seu avó foi alcumado José O’Parrulo, pola súa querencia das cestas da roupa lavada en troques de botar a andar. A súa nai, Mari A’Parrula, herdou a chata do pai por ser filla serodia e ben feitiña. A Laura, que por vivir os anos formativos en Vigo, terra de aluvión, perdeu o alcume, adoptouno de volta ao reencontrarse coas súas raices cando regresou á vila matricial, onde volveu malferida tras
fracasar estrepitosamente na vida académica e amorosa en Inglaterra e Estados Unidos respectivamente. Esta Parrula naceu en Pontevedra e foi dando tombos polo mundo
escoitando historias, traducindo libros e deixándose levar polo seu libro das cores interiores, como dicía o ORivas dos cabalos barbanzóns de calzos albos. Agora vive no Grove, onde a podedes atopar indo a polas herbas de San Xoán ao esteiro os vintedouses de xuño antes do solpór. O libro de Monstr3s ocorréuselle un 27 de novembro a lombos da incansable Libby, nalgún punto do tramo da AP9 entre Caldas e Compostela, antes ou despois de rosmar unha
vez máis, sobre a constante suba de prezos da mesma. Deulle forma nun tren entre Vigo e Madrid, como unha JKRowling da casa, e contoullo a Óscar Villán por Skype, conectando Teo e Vigo, á volta dunha viaxe intimista por Laponia, entre ataques de tose Covid sueca e té de
xenxibre.