Sobre Patasdepeixe

Patasdepeixe nace no ano 2008 da man da tradutora e intérprete Laura Sáez. A forza matriz desta primeira idea foi a necesidade de crear un selo diferente que incluíse no catálogo editorial galego autoras estranxeiras que achegasen novos imaxinarios á nosa cultura.

O noso primeiro libro foi O incrible neno devorador de libros, de Oliver Jeffers. No traballo de deseño e maquetación incorporáronse ao proxecto Mónica Pazos, Diego Núñez e Marcelino Villarino, forzas creativas imprescindibles e fontes de sabiduría editorial inesgotables.

Os comezos, malia emocionantes, foron difíciles, pois eramos un axente novo nun panorama editorial ben asentado. Porén, aos poucos fomos creando un catálogo amplo de libros atractivos e as librarías foron facéndonos un oco cada vez máis grande nos seus andeis.

Patasdepeixe quere ser unha editora que basee a súa produción editorial en tres alicerces: A lingua, o feminismo e o medio.

Todas as nosas publicacións pretenden achegar a lingua galega ás novas xeracións para que gocen, rían e xoguen con ela. Queremos que as pícaras creen un vínculo afectivo en galego cas nosas personaxes para estaren sempre orgullosas da súa lingua a falen e defendan.

Igualmente, a perspectiva das nosas traducións ten unha forte marca de xénero, sempre optando por escollas lingüísticas que reflictan a igualdade e a diversidade da nosa sociedade, e que nos axuden a modificar desde ben pequenas hábitos lingüísticos antigos que non teñen lugar nunha sociedade moderna e igualitaria.

Asimesmo, tentaremos sempre ter como horizonte e guía, desde a escolla dos títulos ata a produción industrial dos mesmos, a conservación do medio e a protección da natureza. Non pretendemos facelo desde un punto de vista moralista senón ofrecendo textos de calidade que poñan en valor o mundo no que vivimos. Só creando un vínculo baseado na convivencia, na educación e no afecto cara á natureza conseguiremos que as novas xeracións respecten e gocen do mundo natural, e superpoñan os intereses deste aos intereses individuais das persoas, e cremos firmemente que o poder inmenso da literatura pode axudar a provocar ese cambio tan necesario para termos futuro.

Na actualidade contamos con vinte títulos escollidos co máximo cariño e coidado, e neles puxemos todas as nosas capacidades e afectos no tratamento dos textos e na escolla de papel e deseños para que cada título xere un mundo especial ao seu arredor en cada casa, en cada lectora e en cada biblioteca.

Non pretendemos ser unha editora comercial e estarmos nos grandes centros de formigón e luces frías. Gústanos ser pequenas, vivir nas marxes e sermos fieis aos nosos principios. Queremos ser amigas das pequenas librarías de barrio, fontes de vida no deserto das cidades e queremos seguir creando co seu apoio. Gozamos inmensamente con cada libro que producimos e máis aínda cando as nosas lectoras nos contan como eses libros viven nas súas cabezas. Queremos que ti tamén sexas Patasdepeixe..

Os nosos valores

Móvenos a difusión da lectura en galego, dende o punto de vista feminista apoiando sempre o comercio local.

0